Mateo 7
7
Non xulgar ós demais (Lc 6, 37-38. 41-42)
1Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. 2Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. 3Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? 4E, como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti unha trabe no teu? 5Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
6Non deades o sagrado ós cans nin lle botedes as vosas perlas ós porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen.
Perseverar na oración (Lc 11, 9-13)
7Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. 8Pois quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.
9Ou é que hai alguén entre vós que, se o seu fillo lle pide pan, lle dá unha pedra? 10Ou se lle pide un peixe dálle unha cobra? 11Pois se vós, que sodes ruíns, ben sabedes darlles cousas boas ós vosos fillos, canto máis voso Pai celestial llelas dará ós que llas pidan? 12Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas.
A porta estreita (Lc 13, 24)
13Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el. 14Pero que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!
A árbore coñécese polos froitos (Lc 6, 43-44)
15Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces! 16Polos seus froitos coñecerédelos. Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? 17Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. 18Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. 19Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. 20Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.
A falsa piedade (Lc 6, 46; 13, 25-27)
21Non todo o que me di: "Señor! Señor!" entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial. 22Moitos hanme dicir naquel día: "Señor! Señor!, non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e no teu nome non fixemos moitos milagres?" 23Pero daquela eu heilles dicir abertamente: "Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os que practicades o mal!"
A piedade auténtica (Lc 6, 47-49)
24Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. 25Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha. 26Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. 27Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.
28E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina; 29porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.
Currently Selected:
Mateo 7: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT