Mateo 8
8
Curación dun gafo (Mc 1, 40-45; Lc 5, 12-16)
1Cando Xesús baixou do monte foino seguindo moita xente. 2E nestas achegouse a el un gafo, que, prostrándose ante el, díxolle:
Señor, con só que queiras pódesme limpar.
3El estendeu a man e tocouno, dicindo:
Quero, queda limpo.
E, coa mesma, quedou limpo da lepra. 4E díxolle Xesús:
Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ó sacerdote, e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.
A fe do centurión (Lc 7, 2-10; Xn 4, 46-54)
5O entrar en Cafarnaún achegóuselle un centurión que lle suplicou 6dicindo:
Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.
7Díxolle Xesús:
Eu irei e curareino.
8Replicoulle o centurión: aínda Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure. 9Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes; e dígolle a este: "vai", e vai; a aqueloutro: "ven", e vén; e ó meu criado: "fai isto", e faino.
10A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles ós que o seguían:
Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. 11E dígovos que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob, no Reino dos Ceos. 12Pero ós fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.
13E Xesús díxolle ó centurión:
Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.
E naquela hora curou o criado.
Outras curacións (Mc 1, 29-34; Lc 4, 38-41)
14En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre. 15Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.
16Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos. 17Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías:
Apandou coas nosas doenzas
e cargou coas nosas enfermidades.
O seguimento de Xesús (Lc 9, 57-62)
18Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda. 19E achegándose a el un letrado díxolle:
Mestre, seguireite vaias a onde vaias.
20Respondeulle Xesús:
As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
21Outro dos seus discípulos díxolle:
Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.
22Xesús respondeulle:
Ti sígueme, e deixa que os mortos enterren ós mortos.
Temporal no mar (Mc 4, 35-41; Lc 8, 22-25)
23Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos. 24De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. 25Os discípulos fórono espertar, exclamando:
Señor, sálvanos que afogamos!
26El díxolles:
Por que vos acovardades, homes de pouca fe?
E poñéndose de pé increpou os ventos e mais o mar, e veu unha grande calma. 27Os homes, abraiados, dicían:
Quen será este que mesmo os ventos e mais o mar lle fan caso?
Os endemoñados de Gadara (Mc 5, 1-20; Lc 8, 26-39)
28En chegando á outra banda do mar, ó país de Gadara, saíronlle ó camiño desde uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.
29E berrando dicían:
Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?!
30Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando, 31e os demos rogáronlle:
Se nos botas, mándanos para a manada de porcos.
32El díxolles:
Ide.
Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranco abaixo, foron dar ó mar, onde morreron afogados. 33Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. 34E toda a vila saíu ó encontro de Xesús. E cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.
Currently Selected:
Mateo 8: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT