Mateo 9
9
Curación dun paralítico (Mc 2, 1-12; Lc 5, 17-26)
1Subiu a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila. 2Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito:
Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
3Entón algúns letrados dixeron para si:
Este home blasfema.
4Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
Que cavilades nos vosos adentros? 5Que é máis fácil, dicir: "perdoados quedan os teus pecados"; ou dicir: "érguete e anda?" 6Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados díxolle ó tolleito: "érguete, colle a padiola, e vai para a casa".
7E erguéndose foise para a súa casa. 8Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder ós homes.
Vocación de Mateu (Mc 2, 13-17; Lc 5, 27-32)
9O pasar Xesús por alí, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateu, e díxolle:
Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
10E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mais os seus discípulos. 11Cando tal viron os fariseos, dixéronlle ós discípulos del:
Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?
12El oíunos e dixo:
Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. 13Ide, pois, aprender o que significa aquilo de Misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.
O xaxún (Mc 2, 18-22; Lc 5, 33-39)
14Entón achegáronselle os discípulos de Xoán preguntando:
Nós e mais os fariseos gardamos moito o xaxún. Por que non o gardan os teus discípulos?
15Respondeulles Xesús:
Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
16Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. 17Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ámbolos dous se conserven.
A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mc 5, 21-43; Lc 8, 40-56)
18Mentres Xesús lles dicía estas cousas, velaí apareceu un xefe que, prostrándose ante el, rogáballe:
A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
19Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos. 20Nisto unha muller que padecía hemorraxias desde había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, 21falando para si:
Se lle dou tocado a roupa, xa curo.
22Xesús virouse e ó vela díxolle:
Animo, filla, a túa fe sandoute!
E desde aquel instante a muller quedou salva.
23O chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas e mais o barullo da xente, 24dixo:
Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.
A xente facía riso del. 25Pero el, en botando para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse. 26A noticia espallouse por toda a redonda.
Curación dos cegos (20, 29-34)
27Cando saíu Xesús de alí, fórono seguindo dous cegos que berraban:
Fillo de David, ten dó de nós.
28E ó entrar na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
E vós credes que eu podo facer iso?
Responderon:
Cremos.
29Entón tocoulles os ollos, dicindo:
Fágase conforme a vosa fe.
30E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:
Mirade que non o saiba ninguén!
31Pero, mal se foron, déronlle unha grande sona por toda aquela terra.
Curación dun mudo (Lc 11, 14-15)
32O que se foron os cegos, presentáronlle un mudo endemoñado. 33E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
Nunca tal cousa se viu en Israel.
34Pero os fariseos dicían:
Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.
Percorre Galilea (Mc 6, 6 b; Lc 8, 1)
35Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. 36Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. 37Entón díxolles ós discípulos:
A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; 38Así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
Currently Selected:
Mateo 9: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT