Mateo 5
5
Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50; Lc 6, 20-23)
1Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, 2e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
3Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos Ceos.
4Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
5Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
6Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
7Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
8Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
9Ditosos os que traballan pola paz
porque eles serán chamados fillos de Deus.
10Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
11Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: 12Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.
Sal da terra, luz do mundo (Mc 4, 21; 9, 50; Lc 11, 33-36)
13Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
14Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. 15Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. 16Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.
Nova interpretación da Lei
17Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. 18Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. 19E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos. 20Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
A ira
21Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. 22Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
23Se ó presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, 24pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.
25Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ó xuíz, o xuíz ó garda, e te boten na cadea. 26Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
O adulterio (18, 8-9; Mc 9, 43-49)
27Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. 28Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
29Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. 30Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
O repudio (19, 9; Mc 10, 11-12; Lc 16, 18)
31Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. 32Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
O xuramento
33Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ó Señor. 34Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; 35nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. 36Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. 37Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
A vinganza (Lc 6, 29-30)
38Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. 39Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. O contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; 40A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; 41A quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. 42A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.
Amor ós inimigos (Lc 6, 27-28. 32-36)
43Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. 44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. 46Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? 48Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.
Currently Selected:
Mateo 5: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT