Xoán 18
18
Xesús entrégase: 18, 1-12
1En dicindo isto, saíu cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos. 2Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. 3Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
A quen buscades?
5Respondéronlle:
A Xesús de Nazaret.
Díxolles El:
Eu son.
Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. 6Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. 7Entón, preguntoulles outra vez:
A quen buscades?
Eles contestaron:
A Xesús de Nazaret.
8Xesús respondeulles:
Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
9Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. 11Pero Xesús díxolle a Pedro:
Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?
12Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
Interrogatorio de Xesús: 18, 13-27
13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. 14(Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
15Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. 16Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo o coñecido do Sumo Sacerdote, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. 17A porteira preguntoulle a Pedro:
Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
Non son.
18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.
19Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. 20Xesús respondeulle:
Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas. 21Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
22O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
23Xesús replicoulle:
Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?
24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.
25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
Non es tamén ti dos seus discípulos?
El negouno, dicindo:
Non son.
26Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
E logo non te vin eu na horta con el?
27Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.
Xesús perante Pilato: 18, 28-40
28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua. 29Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:
Que acusación traedes contra este home?
30Eles responderon:
Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
31Díxolles entón Pilatos:
Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Os xudeus contestáronlle:
Non nos é lícito matar a ninguén.
32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.
33Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
Es ti o Rei dos Xudeus?
34Xesús respondeu:
Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
35Pilato replicou:
E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
36Xesús contestoulle:
O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
37Díxolle entón Pilato:
Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
38Pilato preguntoulle:
Que é a verdade?
E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
Eu non atopo nel culpa ningunha. 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?
40Berraron entón outra vez, dicindo:
Non. A ese non; a Barrabás.
(O tal Barrabás era un bandido).
നിലവിൽ തിരഞ്ഞെടുത്തിരിക്കുന്നു:
Xoán 18: ABGS
ഹൈലൈറ്റ് ചെയ്യുക
പങ്ക് വെക്കു
പകർത്തുക

നിങ്ങളുടെ എല്ലാ ഉപകരണങ്ങളിലും ഹൈലൈറ്റുകൾ സംരക്ഷിക്കാൻ ആഗ്രഹിക്കുന്നുണ്ടോ? സൈൻ അപ്പ് ചെയ്യുക അല്ലെങ്കിൽ സൈൻ ഇൻ ചെയ്യുക
Dereitos reservados: SEPT