Zacarías 12
12
DÉUTERO-ZACARÍAS
SEGUNDA PARTE
Salvación e purificación de Xerusalén e Xudá coa morte do "Traspasado"
1Oráculo. Palabra do Señor acerca de Israel.
Oráculo do Señor que estende os ceos e que cimenta a terra,
que forma o espírito dos homes no seu interior.
I. Castigo universal pola opresión contra Xerusalén
2Velaí: eu converto a Xerusalén en cunca que emborracha a todos os pobos do arredor. Tamén lle tocará a Xudá, cando sexa o asedio contra Xerusalén.
3Sucederá no día aquel que converterei a Xerusalén en pedra de xogo: todos os pobos andarán a levantala. Todo o que a queira levantar, ferirase, e uniranse a ela todas as nacións da terra.
4No día aquel —é o Señor quen fala— atordarei a golpes a todos os cabalos; e ós seus cabaleiros, coa loucura. Cos meus ollos inspeccionarei a casa de Xudá, pero ferirei a todos os cabalos das nacións coa cegueira. 5Entón os xefes de Xudá pensarán nos seus corazóns: a forza dos habitantes de Xerusalén está no Señor dos Exércitos, o seu Deus.
6No día aquel converterei os xefes de Xudá nun braseiro con paus acendidos, e nun fachuco de restrollo aceso: devorarán cara á dereita e cara á esquerda a todas as nacións de arredor. Xerusalén volverá reinar no seu lugar, en Xerusalén.
II. Salvación de Xudá e Xerusalén
7O Señor salvará primeiro as tendas de Xudá, para que non se levante sobre Xudá o orgullo da casa de David e o orgullo dos que rexen en Xerusalén.
8No día aquel o Señor protexerá ó que rexe en Xerusalén. Aquel día o que máis cambalee de entre eles será coma David, e a casa de David será coma divina, igual có Anxo do Señor á fronte deles.
III. Purificación de Xerusalén coa lamentación polo "Traspasado"
9No día aquel tratarei de destruír a todos os pobos que entran en Xerusalén. 10Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ó meu Poderoso, a quen traspasaron. Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.
11No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.
12O país lamentarase, familia por familia, separadamente:
a familia da casa de David, e as súas mulleres;
a familia da casa de Natán, e as súas mulleres,
13A familia da casa de Leví e as súas mulleres;
a familia de Ximí e as súas mulleres.
14Todas as restantes familias, familia por familia,
e as súas mulleres separadamente.
Currently Selected:
Zacarías 12: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT