YouVersion Logo
Search Icon

Zacarías 11

11
Canto da vitoria en forma de sátira contra os inimigos
1Abre, Líbano, as túas portas,
que o lume devora os teus cedros.
2Fai lamentación, ti, ciprés,
que o cedro xa caeu:
as árbores espléndidas foron arrasadas.
Facede lamentacións, aciñeiras de Baxán,
que o bosque inaccesible se vén abaixo.
3Berros de lamentación dos pastores!
Porque a súa gloria quedou arrasada.
Berros de ruxidos dos cachorros de león!
Porque o esplendor do Xordán quedou arrasado.
Ledicia dos pastores
4Así fala o Señor, o meu Deus: "Pastorea o rabaño destinado á matanza. 5Os seus compradores vano matar, e non se sentirán culpables. Del dirán os seus compradores: Bendito sexa o Señor, que me fago rico! En cambio os seus pastores non senten compaixón por el".
6"Certo, eu non volverei a ter piedade dos habitantes do país —é o Señor quen fala— e velaí entrego os homes na man de cadanseu pastor, na man do seu rei; arrasarei o país e non o librarei das súas mans".
7Entón eu pastoreei o rabaño destinado á matanza, en proveito dos seus traficantes.
Collín dous caxatos, e a un chameille: "Bondade"; e ó outro chameille "Unión", e pastoreei o rabaño. 8Logo fixen desaparecer a tres pastores nun só mes. Perdín a paciencia con eles, e eles tamén se anoxaron comigo.
9Entón dixen: "Xa non vos pastorearei: as ovellas que teñan que morrer, que morran; as que teñan que desaparecer, que desaparezan; e as que queden, que cada unha devore a carne da súa compañeira". 10Logo collín o caxato, a "Bondade", e partino, para romper a alianza que o Señor fixera con todos os pobos, 11e quedou roto no día aquel. Os tratantes do rabaño, que me observaban, recoñeceron que isto era palabra do Señor.
12Logo díxenlles: "Se vos parece ben, dádeme a miña soldada; e se non, deixádea". Pero eles pesaron a miña soldada: trinta moedas de prata. 13Logo o Señor díxome: "Botádella ó fundidor de metais; é o espléndido prezo no que fuches taxado por eles". Entón collín as trinta moedas de prata e boteillas no templo do Señor ó fundidor. 14Despois partín o segundo caxato, a "Unión", para romper a irmandade entre Xudá e Israel.
15E díxome o Señor: "Procura as ferramentas dun pastor que sexa aparvado. 16Pois, velaí, vou suscitar no país un pastor: das que van á ruína non se preocupará; pola descamiñada non buscará; á ferida, non a curará; da que aínda estea de pé non coidará, senón que comerá a carne da ovella gorda e arrincaralle as súas unllas".
Crise purificadora na que é ferido o pastor, e que remata na nova alianza
17"Ai do pastor de vento,
que abandona o rabaño!
Unha espada está contra o seu brazo
e contra o seu ollo dereito.
O seu brazo estase secando,
o seu ollo dereito estase apagando.
Espada, esperta contra o meu pastor,
contra o home do meu acompañamento".
13,7 —É o Señor dos Exércitos quen fala—.
"Fire ó pastor e que se esparexan as ovellas!
Si, eu revolverei a miña man contra as súas crías.
13,8 Sucederá en todo o país
—é o Señor quen fala—
que de tres partes del, dúas desaparecerán
e a terceira quedará.
13,9 Eu farei pasar polo lume esta terceira parte,
purificareinos tal como se refina a prata,
limpareinos tal como se purifica o ouro.
El invocará o meu Nome e eu escoitareino.
Direi: "El é o meu pobo". E el dirá: "O Señor é o meu Deus".

Currently Selected:

Zacarías 11: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Zacarías 11