YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 11

11
1En rematando de lles dar estas instrucións ós doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Pregunta de Xoán e loanza de Xesús (Lc 7, 18-30)
2Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
3Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
4Respondeulles Xesús:
Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: 5os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. 6E ditoso quen non se escandalice de min!
7Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
Que fostes ver ó deserto?: unha cana abaneada polo vento?
8Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. 9Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. 10Este é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
11Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
12Desde o tempo de Xoán Batista ata agora o Reino dos Ceos está a ser violentado, e os violentos repáñano. 13Pois ata Xoán profetizaron todos os Profetas e mais a Lei. 14El é Elías, o que tiña que vir; así que aceptádeo, se queredes. 15Quen teña oídos, que escoite.
Xesús xulga a súa xeración (Lc 7, 31-35)
16Con quen compararía eu esta xeración? Aseméllase a eses rapaces que, sentados no rueiro, rifan entre si 17dicindo:
Tocamos a frauta, e non bailastes;
fixemos o pranto, e non chorastes.
18Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: "ten o demo no corpo"; 19Apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: "que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores". Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras.
Xesús censura as cidades (Lc 10, 13-15)
20Entón empezou a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres, pero que non se converteran.
21Ai de ti, Corozaín! Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai xa tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. 22Por iso dígovos: O día do Xuízo será moito máis livián para Tiro e Sidón do que para vós. 23E ti, Cafarnaún: Seica pensas que vas chegar ata o ceo? Asolagaraste no abismo! Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. 24Por iso dígovos que Sodoma terá un día do Xuízo máis livián ca vós.
Achegádevos a min (Lc 10, 21-22)
25Naquel tempo dixo Xesús:
Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. 26Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. 27Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
28Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. 29Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; 30porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.

Currently Selected:

Mateo 11: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in