Mateo 12
12
O asunto das espigas no sábado (Mc 2, 23-28; Lc 6, 1-5)
1Naquel tempo pasou Xesús nun sábado por unhas leiras traballadas. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e comelas. 2Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
3El contestoulles:
Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e mais os seus acompañantes? 4Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin ós seus acompañantes, senón só ós sacerdotes. 5E non tendes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? 6Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande có templo. 7Se entendésedes ben o que significa: Misericordia quero e non sacrificios, non condenabades a estes inocentes. 8Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
O home da man tolleita (Mc 3, 1-6; Lc 6, 6-11)
9E saíndo de alí foi á sinagoga deles. 10Había alí un home que tiña unha man tolleita e preguntáronlle para o tentar:
E logo, está permitido curar en sábado?
11El respondeulles:
Quen de vós que teña unha soa ovella, se lle cae en sábado nun foxo, non a colle e a saca de alí? 12Pois un home vale moito máis ca unha ovella: polo tanto está permitido facer ben no sábado.
13E coa mesma díxolle ó home:
Estende a túa man.
El estendeuna e púxoselle tan sa coma a outra. 14E con só saír, os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el.
Xesús, o servo de Deus
15Xesús, ó sabelo, decidiu ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos. 16E mandoulles que non o descubrisen, 17para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
18Velaquí o meu servo, o meu elixido,
o meu amado, a miña regalía.
Pousarei o meu Espírito sobre el,
para que anuncie o dereito ás nacións.
19Non discutirá nin berrará,
ninguén oirá a súa voz polos rueiros.
20Non crebará a canivela cascada,
nin apagará a torcida que fumega
ata que faga triunfar o dereito:
21El será a esperanza das nacións.
Xesús e Belcebul (Mc 3, 22-30; Lc 11, 14-23; 12, 10)
22Trouxéronlle, daquela, un endemoñado cego e mudo. El curouno e o mudo falaba e vía. 23E todos pasmados dicían:
Non será este o Fillo de David?
24Pero os fariseos, oíndo isto, dixeron:
Este non bota os demos se non é co poder de Belcebul, xefe dos demos.
25El, coñecendo os seus pensamentos, díxolles:
Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado; nin pode manterse en pé unha cidade ou unha familia dividida contra si mesma. 26E se Satán bota a Satán, está dividido contra si mesmo. Como se vai manter, logo, en pé o seu reino? 27E se eu boto os demos co poder de Belcebul, os vosos fillos co poder de quen os botan? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 28Pero se boto os demos polo Espírito de Deus, vese que xa chegou a vós o Reino de Deus. 29Pois como poderá entrar alguén na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non ata ó home forte para logo arramplar con todo canto hai na casa?
30Quen non está comigo está contra min; e o que non recolle comigo, derrama. 31Por iso asegúrovos que ós homes háselles perdoar calquera pecado e blasfemia, pero o pecado contra o Espírito non terá perdón. 32E a quen fale contra o Fillo do Home poderáselle perdoar, pero a quen fale en contra do Espírito Santo non se lle perdoará, nin neste mundo nin no vindeiro.
A árbore e os froitos (Lc 6, 43-45)
33Se unha árbore é boa, dará froito bo; e se é mala, o seu froito será malo. Porque a árbore coñécese polo froito.
34Raza de víboras! Como ides falar ben sendo vós malos? Pois do que reborda o corazón fala a boca. 35O home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade, pero o home ruín saca cousas ruíns do pozo da súa maldade. 36Asegúrovos que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do Xuízo. 37Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras condenarante.
O sinal de Xonás (Mc 8, 11-12; Lc 11, 29-32)
38Entón, para replicar, algúns letrados e fariseos dixéronlle:
Mestre, queremos ver un sinal teu.
39Respondeulles el:
Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal có de Xonás o profeta. 40Que así como estivo Xonás no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. 41Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. 42A raíña do Sur enfrontarase no Xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.
Volta do espírito malo (Lc 11, 24-26)
43Cando o espírito inmundo sae do home vai polos ermos adiante buscando acougo sen atopalo. 44Entón di: "Volverei á casa de onde saín", e ó chegar atopa a casa desocupada, varrida e ordenada. 45Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el e establécense alí; e o final daquel home acaba sendo peor có principio. Así lle vai pasar tamén a esta xeración malvada.
A nai e os irmáns de Xesús (Mc 3, 31-35; Lc 8, 19-21)
46Mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e mais os seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con el. 47Díxolle un:
Mira que túa nai e mais os teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.
48El respondeu ó que llo dicía:
Quen é miña nai e quen son os meus irmáns?
49E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:
Velaí a miña nai e mais os meus irmáns. 50O que cumpre a vontade do meu Pai celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá e mais a miña nai.
Currently Selected:
Mateo 12: ABGS
Highlight
Share
Copy

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT