YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 32

32
1Labán ergueuse cedo, bicou as súas fillas e os seus netos, bendiciunos e deu volta para á casa. 2Xacob seguiu o seu camiño, atopouse cos anxos de Deus 3e, en véndoos, exclamou: —"Campamento de Deus é este". E púxolle a aquel lugar o nome de Mahanaim.
Xacob ten medo de Esaú
4Xacob mandou por diante mensaxeiros a seu irmán Esaú, no país de Seir nos campos de Edom. 5Encargoulles que lle dixesen a Esaú: —"Meu señor, isto di Xacob o teu servidor: Estiven vivindo con Labán e demoreime ata agora. 6Teño bois, ovellas, servos e servas; e mándollo dicir ó meu señor para pedirlle o seu favor".
7Volveron os mensaxeiros e dixéronlle a Xacob: —"Chegamos e atopámonos con teu irmán Esaú. El vén tamén ó teu encontro con catrocentos homes".
8A Xacob entroulle moito medo e, estarrecido, dividiu en dous campamentos a súa xente, as ovellas, os bois e os camelos. 9Pensaba desta maneira: —"Se Esaú se mete nun campamento e o ataca, salvarase o outro".
10E Xacob fixo esta oración: —"Deus de meu pai Abraham, Deus de meu pai Isaac, Señor que me dixeches: Volta á patria onde naciches: eu farei que che vaia ben. 11Son indigno de tantos favores e da grande lealdade con que ti trataches o teu servo. Con só o meu caxato pasei este Xordán, e gora traio dous campamentos. 12Líbrame do poder de meu irmán, das mans de Esaú, pois teño moito medo de que chegue e nos mate a min e ás nais, xunto cos fillos. 13Mais ti tesme prometido: Farei que che vaia moi ben e acrecentarei os teus descendentes coma a area do mar, que non se pode contar de tanta que é".
Agasallos para o irmán
14Xacob pasou alí aquela noite. Do que tiña á man colleu regalos, para agasallar a Esaú, seu irmán: 15duascentas cabras, vinte castróns, duascentas ovellas, vinte carneiros, 16trinta camelas paridas coas súas crías, corenta vacas, dez touros, vinte asnas e dez asnos. 17Repartiunos en fatos, cada un ó cargo dun criado, e mandoulles: —"Pasade diante de min e deixade un espazo entre fato e fato".
18O primeiro mandoulle: —"Cando te encontres con meu irmán Esaú e el che pregunte: De quen es ti, a onde vas, para quen é iso que levas?, ti diraslle: 19É un agasallo que o teu servo Xacob manda ó meu señor Esaú. El vén tamén detrás de nós". 20Iso mesmo ordenoullo ó segundo e a todos os que ían guiando os outros fatos: —"Dirédeslle todos iso a Esaú, cando o encontredes. 21E dirédeslle tamén: —O teu servo Xacob vén tras de nós". Pensaba deste xeito: —"Acalmareino cos agasallos que lle mando por diante. Logo, cando eu chegue onda el, quizais me acolla ben". 22Os regalos foron diante, e el durmiu no campamento aquela noite.
Xacob loita co anxo
23Xacob ergueuse de noite, colleu as dúas mulleres, as dúas servas e os once fillos, e atravesou o vao do Iaboc. 24Despois que os pasou a eles, fixo pasar toda a facenda.
25Xacob quedou só. Un home loitou con el ata o amañecer. 26En vendo o home que non podía nel, feriuno, no medio da loita, na articulación da coxa e escordoulla. 27Logo díxolle: —"Déixame marchar, que xa rompe o día".
Respondeulle Xacob: —"Non te deixarei, namentres non me bendigas".
28Preguntoulle el: —"Como te chamas?"
Respondeulle: —"Xacob".
29Díxolle el: —"Desde hoxe non te chamarás Xacob, senón Israel, porque loitaches con Deus e cos homes, e puidécheslles".
30Preguntoulle Xacob: —"Dime agora o teu nome".
El dixo: —"Por que preguntas polo meu nome?" E deulle alí mesmo a bendición.
31Xacob púxolle a aquel lugar o nome de Penuel, porque dicía: —"Vin a Deus cara a cara e puiden seguir vivindo". 32Cando atravesaba Penuel saía o sol, e el ía coxo dunha perna. 33Por iso os israelitas non comen o tendón da articulación da coxa ata o día de hoxe, por ser Xacob ferido nel.

Currently Selected:

Xénese 32: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in