YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 31

31
Xacob foxe de Labán
1Xacob oíu que os fillos de Labán ían dicindo: —"Xacob apoderouse da facenda de noso pai e fixo co que era noso unha fortuna". 2Xacob tivo medo de Labán, pois vía que xa non o trataba coma antes.
3O Señor díxolle a Xacob: —"Volve á terra de teus pais, á túa patria. Eu estarei contigo".
4Xacob mandou chamar a Raquel e a Lea ó monte onde estaba co gando. 5E díxolles: —"Observo que o voso pai non me trata coma antes. Pero o Deus de meu pai estivo da miña parte. 6Vós sabedes que eu teño servido ó voso pai con todas as miñas forzas. 7Voso pai tratou de me enganar, mudándome dez veces a soldada. Pero Deus non lle permitiu facerme dano. 8Se dicía: As crías riscadas serán a túa soldada, todo o rabaño traía crías riscadas. Se dicía: as crías pintas serán a túa soldada, todo o fato paría crías pintas. 9Deus quitoulle o gando a voso pai e deumo a min. 10Unha vez, no tempo en que se emparellan os fatos, tiven en soños esta visión: Os carneiros que montaban nas ovellas eran riscados e pintos. 11No soño o anxo de Deus chamou por min: Xacob! E eu respondín: Aquí estou. 12E el seguiu: Ergue os ollos e fíxate: Todos os carneiros que montan nas ovellas son riscados e pintos, porque eu teño visto o que Labán che leva feito. 13Eu son o Deus de Betel, onde ti unxiches unha pedra e fixeches un voto. Agora disponte para saíres deste país e volver á terra onde naciches".
14Raquel e Lea respondéronlle: —"Temos nós aínda algo que herdar na casa de noso pai? 15Non nos tratou coma alleas, vendéndonos e comendo despois o noso prezo? 16A riqueza que Deus lle tolleu a noso pai era nosa e de nosos fillos. E, con iso, agora fai o que Deus che mandou".
17Xacob púxose en movemento. Fixo montar en camelos ós fillos e ás mulleres, 18recolleu toda a facenda e os bens que adquirira en Padán-Aram, e botouse ó camiño, para volver á casa de seu pai Isaac no país de Canaán.
19Labán fora á rapa do gando, e Raquel rouboulle a seu pai os ídolos domésticos. 20Xacob enganou a Labán o arameo, ó non deixarlle sospeitar que fuxiría. 21Fuxiu, pois, Xacob con todo o que tiña, atravesou o río e camiñou na dirección da montaña de Galaad.
Labán persegue a Xacob
22Pasados tres días, dixéronlle a Labán que Xacob escapara. 23Levando consigo algúns parentes, Labán púxose a perseguilo. Os sete días de camiño colleuno na montaña de Galaad. 24Aquela noite Deus aparecéraselle en soños a Labán para dicirlle: —"Ten coidado co que lle fas a Xacob". 25Cando Labán o alcanzou, Xacob plantara as súas tendas na montaña, e el plantou tamén as súas na montaña de Galaad.
26Labán díxolle a Xacob: —"Por que me enganaches? Por que me levaches as fillas, o mesmo que se fosen prisioneiras de guerra? 27Por que fuxiches ás agachadas, finxindo, sen dicíresmo? Despediríate con festa e con cantos, con pandeiros e cítaras. 28Non me deixaches sequera dar un bico ós meus fillos e ás miñas fillas: portácheste coma un parvo. 29Teño poder de sobra para che facer mal. Pero o Deus de teu pai díxome onte á noite: Ten coidado co que lle fas a Xacob. 30Pero se te vas porque tes morriña pola casa de teus pais, por que me roubaches os meus deuses?"
31Respondeulle Xacob: —"Tiña medo, pensando que me quitases as túas fillas. 32Mais aquel onda quen atopes os teus deuses será reo de morte. Busca ti mesmo, á vista da túa xente, e se atopas onda min algunha cousa túa, cóllea". Xacob non sabía que Raquel roubara os deuses.
33Labán entrou na tenda de Xacob, na de Lea e na das dúas servas; pero non atopou nada. Da tenda de Lea pasou á de Raquel. 34Raquel collera os amuletos, puxéraos na albarda do camelo e sentárase enriba. Así, Labán remexeu a tenda toda, mais non atopou cousa.
35Raquel díxolle a seu pai: —"Non che pareza mal, señor, que non poida erguerme diante túa, pois veume a regra que temos as mulleres". Labán rebuscou, pero non atopou os ídolos.
36Anoxado xa con Labán, Xacob recriminouno deste xeito: —"Cal é a miña culpa e cal o meu delito, para que con tanto asaño me persigas? 37Despois que rexistraches toda a miña equipaxe, atopaches algo teu? Pono aquí, á vista da miña familia e da túa, e que eles xulguen entre nós.
38Levo vinte anos contigo. As túas ovellas e as túas cabras non perderon as crías, nin eu che comín os cordeiros do rabaño. 39Non che fun cunha res esnaquizada polas feras; iso foi sempre á miña conta. O roubado de día ou de noite esixíchesmo. 40Polo día comeume o sol, pola noite a xeada, e o sono fuxiu dos meus ollos.
41Dos vinte anos que levo na túa casa, catorce servinte polas túas dúas fillas e seis polos teus fatos, e ti cambiáchesme dez veces a soldada. 42Se non estivese comigo o Deus de meu pai, o Deus de Abraham e Padriño de Isaac, despediríasme en baldeiro. Pero onte á noite Deus fixouse na miña aflición e no esforzo das miñas mans, e fíxome xustiza".
43Labán respondeulle a Xacob: —"As rapazas son miñas fillas, os seus fillos son meus, e meu é tamén o gando e todo o que ves. Que poderei facer eu agora por estas miñas fillas e polos fillos que elas deron a luz? 44Pero agora fagamos un pacto ti e mais eu, e que sirva de testemuño entre os dous". Xacob colleu unha pedra e erixiuna como estela. 45E díxolle á súa xente: —"Collede aquí pedras". 46Eles xuntáronas, amoreáronas nunha mámoa e comeron onda ela. 47Labán púxolle o nome de Iegar-Sahadutá e Xacob chamoulle Galaad. 48Labán dixo: —"Esta mámoa é hoxe testemuña entre min e ti". Por iso nomeouna Galaad: 49Tamén a chamou Torre de Garda, pois dixo: —"Que o Señor nos vixíe ós dous, cando nos vexamos afastados un do outro. 50Se maltratas as miñas fillas e se tomas outras mulleres fóra delas, aínda que ninguén o vexa, Deus será testemuña entre nós".
51E dixo tamén Labán: —"Velaí esta mámoa e esta estela que erixín entre min e ti. 52Sexa testemuña esta mámoa e testemuña esta estela de que nin eu as traspasarei cara ó teu lado, nin ti cara ó meu, para nos facermos mal. 53O Deus de Abraham e o Deus de Nahor, Deus de nosos pais, xulgue entre nós". E Xacob xurou polo Padriño de Isaac seu pai. 54Xacob ofreceu un sacrificio e pasaron a noite na montaña.

Currently Selected:

Xénese 31: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in