Xénese 27
27
Isaac bendí a Xacob
1Isaac fíxose vello e anubróuselle a vista. Entón chamou ó seu primoxénito Esaú: —"Fillo!"
E el respondeulle: —"Aquí estou".
2E o pai seguiu: —"Ti ves que xa vou vello e non sei cando morrerei. 3Colle as túas armas, o arco e a alxaba, sae ó monte e cázame unha peza. 4Guísaa como sabes que me gusta, e tráesma que a coma, pois quero darche a miña bendición antes de morrer".
5Namentres Isaac dicía isto a seu fillo, Rebeca estábao escoitando. Esaú saíu ó monte, pola peza que lle cumpría
6Entón díxolle Rebeca a seu fillo Xacob: —"Oín que teu pai falaba con teu irmán Esaú e que lle dicía: 7—"Trae caza e prepárame un bo guiso. Comerei e bendicireite na presenza de Deus, antes de morrer. 8Agora, fillo, atende ben ó que che mando. 9Vas ó rabaño, tráesme dous bos cabuxos, e guisareillos a teu pai, do xeito que a el lle saben. 10Ti levarasllos a teu pai, para que coma e che dea a súa bendición, antes de morrer".
11Xacob díxolle a súa nai: —"Repara que meu irmán Esaú é peludo e que eu, en troques, son lampo. 12Se meu pai me apalpase, descubriríame trampulleiro, e no lugar da bendición atraería sobre min a maldición".
13Súa nai respondeulle: —"Que esa maldición, meu fillo, caia sobre min. Ti escóitame, vai e tráeme os cabuxos".
14El foi, colleu os cabuxos e tróuxollos á nai. Ela preparou o guiso, do xeito que lle gustaba a seu pai. 15Rebeca botou man da roupa do fillo maior, Esaú, a mellor que tiña na casa, e vestiulla a Xacob, o fillo máis novo. 16Coas peles dos cabuxos cubriulle as mans e a parte lampa do pescozo. 17E puxo nas mans de Xacob, seu fillo, o guiso que preparara e mais un anaco de pan.
18Xacob entrou onda seu pai e saudou: —"Meu pai".
El respondeu: —"Aquí estou. E ti, meu fillo, quen es?"
19Xacob díxolle a seu pai: —"Eu son Esaú, o teu primoxénito. Fixen conforme me mandaches. Érguete, séntate e come da miña caza, para que me deas logo a túa bendición".
20Isaac preguntoulle a seu fillo: —"Como a atopaches tan axiña, meu fillo?"
El respondeulle: —"O Señor Deus púxoma diante".
21Isaac díxolle a Xacob: —"Achégate, fillo, que te apalpe, para ver se es ou non meu fillo Esaú". 22Xacob chegouse a Isaac. Este apalpouno, e dixo: —"A voz é a de Xacob, pero as mans son as de Esaú". 23E non o recoñeceu, porque as súas mans eran peludas coma as de seu irmán. E bendiciuno. 24Despois volveulle a preguntar: —"Es ti de verdade meu fillo Esaú?"
El respondeulle: —"Son".
25Isaac dixo: —"Sírveme, meu fillo, a comida, e logo dareiche a miña bendición". Xacob serviuno, e el comeu; tróuxolle viño e bebeu. 26Despois díxolle Isaac: —"Achégate aquí e bícame, meu fillo". 27E Xacob achegouse e bicouno. O sentir Isaac o recendo da roupa, deulle esta bendición:
—"Sentide o recendo do meu fillo,
coma recendo dun agro
bendito polo Señor.
28Deus che dea o orballo do ceo,
a fartura da terra,
abundancia de trigo e de viño.
29Que te sirvan os pobos
e te respecten as nacións.
Se señor de teus irmáns
e que te respecten os fillos de túa nai.
Maldito o que te maldiga,
bendito o que te bendiga".
30En acabando Isaac de bendicir a Xacob, e este de saír de onda seu pai, chegou Esaú coa súa caza. 31Preparou el tamén un guiso saboroso, levoullo a seu pai e díxolle: —"Érguete, meu pai, e come da caza do teu fillo, para que me deas logo a túa bendición".
32O pai Isaac preguntoulle: —"Ti quen es?"
El respondeulle: —"Son o teu primoxénito Esaú".
33Isaac tremeu desde os pés á cabeza, e preguntou: —"Entón quen foi o que cazou a caza e ma trouxo? Eu comín xa a fartar, antes que ti chegases, bendicino e bendito quedará".
34En oíndo Esaú as palabras de seu pai, bradou con asaño e acedume e díxolle a seu pai: —"Bendíceme, meu pai, tamén a min".
35Díxolle el: —"Veu teu irmán con engano e marchou coa túa bendición".
36Dixo Esaú: —"Por algo lle puxeron Xacob, pois xa me suplantou por dúas veces. Levoume a primoxenitura e agora arrampla coa miña bendición". E preguntou: —"Non che queda unha bendición tamén para min?"
37Respondeulle Isaac: —"Fíxeno señor teu, deille por servos os irmáns, concedinlle trigo e viño, que podo facer por ti agora, meu fillo?"
38Esaú díxolle a seu pai: —"É que non tes, meu pai, máis ca unha bendición? Bendíceme, meu pai, tamén a min". E rompeu a chorar a berros.
39Isaac atendeuno e dixo:
—"A túa morada estará lonxe
da fartura da terra
e do orballo do ceo.
40Vivirás da túa espada
e servirás a teu irmán.
Pero virá un tempo e serás libre:
Botarás o seu xugoj
de enriba do teu pescozo".
41Esaú quedou aborrecendo a Xacob por causa da bendición que lle dera seu pai. E pensaba: —"O tempo do loito por meu pai xa se aveciña. Entón matarei a meu irmán". 42Faláronlle a Rebeca das intencións de Esaú, seu fillo maior, e mandou chamar ó fillo máis novo, a Xacob, para dicirlle: —"Mira que teu irmán pensa vingarse e matarte. 43Faime, pois, caso, meu fillo. Ponte ó camiño e fuxe a Harán, onda meu irmán Labán. 44Queda onda el por algún tempo, deica lle pase a teu irmán a carraxe, 45deica se apague a súa ira contra ti e se esqueza do que lle fixeches. Xa mandarei eu buscarte. Por que tería que perder a un tempo os dous fillos?" 46Rebeca díxolle a Isaac: —"Dóeme a alma, por culpa destas hititas. Se tamén Xacob toma muller de entre elas, de entre as fillas deste país, de que me serve aínda vivir?"
Currently Selected:
Xénese 27: ABGS
Highlight
Share
Copy

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT