YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 28

28
Xacob foxe a Mesopotamia
1Isaac chamou a Xacob e bendiciuno. Coa mesma, deulle esta orde: —"Non tomes unha cananea por muller. 2Vaite a Padán-Aram, coa familia de Betuel, o teu avó paterno, e toma muller de entre as fillas de teu tío Labán. 3O Deus todopoderoso bendicirate, darache fecundidade e farate crecer; veraste convertido en moitas tribos. 4Deus darache a bendición de Abraham, a ti e ós teus descendentes, herdarás a terra onde vives, a que Deus lle prometeu a Abraham". 5Isaac despediu a Xacob, e este foise a Padán-Aram, á casa de Labán, fillo de Betuel o arameo e irmán de Rebeca, a nai de Xacob e de Esaú.
6Soubo Esaú que Isaac bendicira a Xacob e que o mandara a Padán-Aram para que buscase alí muller e que ó bendicilo lle dixera que non casase cunha cananea; 7e que Xacob obedecera a seu pai e súa nai, e fora a Padán-Aram. 8Entón decatouse Esaú de que as cananeas lle desagradaban a seu pai Isaac. 9E, coa mesma dirixiuse a Ismael e tomou por muller a Mahalat, filla de Ismael, fillo de Abraham, e irmá de Nebaiot.
Soño de Xacob en Betel
10Xacob saíu de Beerxeba, camiño de Harán. 11Chegado a certo lugar, parou para pasar alí a noite, pois xa se puxera o sol. Colleu alí mesmo unha pedra, púxoa de cabezal e deitouse a durmir.
12No soño que tivo viu unha esqueira afincada na terra e co cimo tocando o ceo; por ela subían e baixaban os anxos de Deus. 13Diante del viu o Señor en pé, que lle dicía: —"Eu son o Señor, Deus de teu pai Abraham e Deus de Isaac. A terra onde estás deitado dareicha para ti e para os teus descendentes. 14Os teus descendentes serán tantos coma o po. Estenderanse cara ó occidente e cara ó oriente, cara ó norte e cara ó sur. En ti e nos teus descendentes veranse benditos os pobos todos da terra. 15Eu estarei contigo, gardareite onde queira que te atopes e traereite outra vez a este país. Non te abandonarei, namentres non cumpra o que che teño prometido".
16O espertar do soño dixo Xacob: —"Abofé que está o Señor neste lugar, e eu non o sabía". 17E, tremendo, engadiu: —"Que estarrecedor este lugar! Non é senón unha casa de Deus e unha porta do ceo".
18Xacob ergueuse cedo, colleu a pedra que puxera de cabezal, erixiuna como estela e verteu aceite enriba dela. 19O lugar púxolle o nome de Betel, aínda que o seu antigo nome era Luz.
20Xacob fixo este voto: —"Se Deus está comigo, se me garda nesta viaxe que emprendín, se me dá pan para comer e roupa para vestir 21e me volve san e salvo á casa de meu pai, o Señor será o meu Deus, 22e esta pedra que chantei de pé será unha casa de Deus. De todos os bens que me deas, pagareiche o décimo".

Currently Selected:

Xénese 28: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in