YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 24

24
Casamento de Isaac
1Abraham era xa vello, entrado en anos. O Señor tíñao bendito sempre en todo. 2Díxolle ó criado maior, o que administraba os bens da casa: —"Pon a man baixo a miña coxa 3e xúrame polo Señor, Deus de ceo e terra, que non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 4senón que irás á miña terra, onda os meus parentes, e procurarás alí muller para meu fillo Isaac".
5O criado preguntoulle: —"E se a muller non quixese vir comigo a este país, levarei a teu fillo á terra de onde ti saíches?"
6Abraham respondeulle: —"Gárdate de levar alá a meu fillo. 7O Señor, Deus do ceo, que me tirou da casa de meus pais e do meu clan, e que me prometeu con xuramento: Os teus descendentes dareilles este país, mandará diante de ti o seu anxo, e encontrarás alí a muller para o meu fillo. 8Se a muller non quixese vir contigo, quedas libre do xuramento. Pero de ningún xeito levarás alá a meu fillo". 9Coa man baixo da coxa do seu amo, o criado xurou conforme o que falaran.
10O criado colleu logo dez camelos do seu amo e moitas outras cousas de valor, e púxose en camiño de Aram-Naharaim, cara á cidade de Nahor. 11Os aforas da cidade, á beira dunha fonte, fixo axeonllar os seus camelos. Era á tardiña, cando saen as rapazas para colleren auga.
12El pregou entón deste xeito: —"Señor, Deus do meu amo Abraham, ven hoxe ó meu encontro e trátao a el con amor. 13Eu voume pór ó pé da fonte, cando as rapazas da cidade veñan sacar auga. 14A rapaza á que eu lle diga: Baixa o cántaro, por favor, e dáme de beber, e que ela me responda: Bebe ti e abeberarei tamén os teus camelos, sexa a que ti determinas para o teu servo Isaac. Niso saberei eu que tratas ó meu amo con amor".
15Non acabara aínda de falar, cando saíu Rebeca, filla de Betuel, fillo de Milcah, a muller de Nahor, irmán de Abraham, co seu cántaro ó ombreiro. 16A rapaza era moi bela e aínda unha doncela, non tocada por home. Baixou á fonte, encheu o cántaro e subiu.
17O criado de Abraham correu onda ela e díxolle: —"Déixame beber unha pouca auga do teu cántaro".
18Ela dixo: —"Bebe, señor". E baixou de seguida o cántaro ó brazo para lle dar de beber. 19Cando el acabou de beber, díxolle ela: —"Collerei tamén auga para os teus camelos. Que beban canto queiran". 20Baleirou o cántaro na pía e foi de contado ó pozo sacar máis, ata abeberar os camelos todos.
21O home mirábaa calado, querendo saber se o Señor facía ou non de proveito a súa viaxe. 22Cando os camelos acabaron de beber, colleu o home un anel de ouro, de medio siclo de peso, e púxollo á rapaza no nariz, e para os brazos dous torques de ouro de dez siclos. 23E coa mesma preguntoulle: —"Ti de quen es filla? Hai na casa de teu pai lugar para pousada?"
24Ela respondeulle: —"Eu son filla de Betuel, o fillo de Milcah e de Nahor". 25E engadiu: —"Na casa temos de abondo palla e feo, e tamén lugar para pousada".
26O home prostrouse por terra e adorou ó Señor: 27—"Bendito sexa o Señor, Deus do meu amo Abraham, que non lle negou ó meu amo o seu amor e a súa fidelidade. El foi quen me guiou no meu camiño, ata a casa dos seus parentes".
28A rapaza correu á casa a contarlle a súa nai o acontecido. 29Rebeca tiña un irmán que se chamaba Labán. 30Cando este viu o anel e os torques da irmá e oíu o que contaba Rebeca que aquel home lle dixera, marchou buscalo e atopouno onda a fonte, cos camelos.
31Labán díxolle: —"Ven, bendito do Señor. Por que ficas aquí fóra? Téñoche preparado apousento e tamén lugar para os camelos". 32E Labán levouno para a casa, desaparellou os camelos, deulles palla e feo e puxo auga para que o home e os seus acompañantes puidesen lavar os pés.
33Cando lle servían de comer, o home dixo: —"Non probarei bocado, mentres non explique a razón que me trouxo".
Dixéronlle eles: —"Fala".
34Entón el dixo: —"Son criado de Abraham. 35O Señor ten bendicido tanto ó meu amo, que hoxe está rico. Deulle ovellas e vacas, prata e ouro, servos e servas, camelos e asnas. 36Sara, a muller do meu señor, na súa vellez deulle un fillo; este fillo herda todo.
37O meu amo fíxome xurar: Non tomarás muller para meu fillo de entre as fillas dos Cananeos cos que habito, 38senón que irás á casa de meus pais, á miña parentela, e tomarás de alí muller para meu fillo. 39Eu advertinlle: E se a muller non quere vir comigo?
40E el respondeume: O Señor, con quen andei sempre, mandará contigo o seu anxo. El dará boa fin á túa viaxe, e atoparás muller para o meu fillo na miña parentela, na familia de meus pais; 41entón quedarás libre do xuramento que me fixeches. Mais se chegas á miña parentela e non che queren dar a rapaza, tamén quedas libre deste xuramento.
42O chegar hoxe onda a fonte, recei esta oración: Señor, Deus do meu amo Abraham, se tes de dar boa fin a esta viaxe que teño emprendida, 43verás, eu voume poñer ó pé da fonte. A rapaza que veña sacar auga e eu lle diga: Dáme unha pouca auga do teu cántaro. 44Se ela me responde: Bebe ti, e sacarei tamén para os teus camelos, sexa esa a muller que elixe o Señor para o fillo do meu amo.
45Estaba eu pensando isto, cando saíu Rebeca co cántaro ó ombreiro e baixou á fonte sacar auga. Eu díxenlle: Dáme de beber. 46E ela baixou o cántaro e díxome: Bebe ti e abeberarei tamén os teus camelos. 47Eu pregunteille entón: De quen es filla? E ela díxome: De Betuel, fillo de Nahor e Milcah. Niso púxenlle o anel no nariz e os torques nos brazos. 48Despois axeonlleime, adorei ó Señor e bendicín o Deus do meu amo Abraham, que me guiou polo bo camiño, ata atopar para muller de seu fillo a filla de seu irmán. 49Agora, se pensades comportarvos co meu amo con amor e lealdade, dicídemo; e se non, dicídemo tamén, para que eu saiba o que hei facer".
50Labán e Betuel responderon: —"A cousa vén de Deus. Nós nada podemos xa dicirche, nin se está ben nin se está mal. 51Aí tes a Rebeca diante túa. Tómaa e vaite, e sexa a muller do fillo do teu amo, conforme dispuxo o Señor".
52En oíndo isto, o servo de Abraham prostrouse polo chan para adorar o Señor. 53Logo sacou obxectos de prata e ouro e vestidos, e deullos a Rebeca. Fíxolles tamén regalos a seu irmán e a súa nai. 54O home e os seus compañeiros comeron e beberon e pasaron alí a noite. O erguerse pola mañá, dixo o criado de Abraham: —"Deixádeme que volva onda o meu amo".
55O irmán e a nai de Rebeca propuxeron: —"Que a rapaza quede connosco uns dez días e despois irá contigo".
56Pero el dixo: —"Non me deteñades máis, cando o Señor deu tan boa fin á miña viaxe. Deixádeme que volva onda o meu amo".
57Respondéronlle eles: —"Imos chamar a rapaza e pedirlle o seu parecer". 58Chamaron, pois, a Rebeca e preguntáronlle: —"Queres ir con este home?"
E ela dixo: —"Quero".
59Entón despediron a Rebeca coa súa ama de leite e ó criado de Abraham cos seus compañeiros. 60A Rebeca botáronlle esta bendición:
"Ti, nosa irmá,
que crezas por milleiros,
que os teus descendentes se apoderen
das cidades dos teus inimigos".
61Rebeca e as súas servas montaron nos camelos e seguiron ó home. Este fíxose cargo de Rebeca e púxose ó camiño.
62Isaac acababa de vir de onda o pozo de Lahai-Roí e de se asentar no Négueb. 63A caída da tarde saíu á campía caviloso. Erguendo os ollos, viu vir unha caravana de camelos.
64Tamén Rebeca ergueu a vista e reparou en Isaac. Baixou do camelo 65e preguntoulle ó criado: —"Quen é aquel que vén pola campía cara a nós?"
O criado respondeulle: —"É o meu amo".
Ela entón colleu o veo e cubriuse. 66O criado deu conta a Isaac de todo o que lle acontecera. 67Isaac introduciu a Rebeca na tenda de Sara, súa nai, tomouna por súa muller e amouna, ata consolarse da morte de súa nai.

Currently Selected:

Xénese 24: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in