YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 25

25
Morte de Abraham
1Abraham tomou outra muller que se chamaba Queturah. 2Esta deulle por fillos a Zimrán, Iocxán, Medán, Madián, Ixbac e Xúah. 3Iocxán xerou a Xebá e Dedán. Os fillos de Dedán foron os asirios, os latuxios e os leumios. 4Os fillos de Madián foron Efah, Éfer, Hanoc, Abidá e Eldaáh. Todos eles son descendentes de Queturah.
5Abraham fixo a Isaac herdeiro de todo o que tiña. 6Os fillos das concubinas fíxolles mandas e afastounos en vida de seu fillo Isaac cara ós países do oriente. 7Os anos que Abraham viviu foron cento setenta e cinco. 8Ocabo deles expirou e morreu en boa vellez, satisfeito da vida, e foi xuntarse co seu pobo.
9Seus fillos Isaac e Ismael enterrárono na cova de Macpelah, no eido de Efrón, fillo de Soar o hitita, de fronte a Mambré. 10É o campo que lles mercara Abraham ós fillos de Het. Nel foron enterrados Abraham e Sara, súa muller. 11Despois da morte de Abraham, Deus seguiu bendicindo a seu fillo Isaac. Este asentou onde estaba o pozo de Lahai-Roí.
Descendentes de Ismael
12Esta é a historia de Ismael, o fillo que lle deu a Abraham a serva exipcia Hagar. 13Os fillos de Ismael, por orde de nacemento, son os seguintes: Nebaiot o primoxénito, Quedar, Abdeel, Mibsam, 14Mixmá, Dumah, Masá, 15Hadad, Temá, Ietur, Nafix e Quédmah. 16Eses son os fillos de Ismael polos seus nomes, segundo os seus poboados e os seus campamentos. Doce xefes de doce tribus.
17Os anos que Ismael viviu foron cento trinta e sete. O cabo deles expirou, morreu e foi xuntarse co seu pobo. 18Os seus descendentes asentaron desde Havilah ata Xur, que mira cara a Exipto, vindo de Asur. Cadraron irmáns en fronte de irmáns.
Os fillos de Isaac: Esaú e Xacob
19Esta é a historia de Isaac, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. 20Cando Isaac tiña corenta anos, tomou por muller a Rebeca, filla de Betuel, arameo de Padán Aram, e irmá de Labán o Arameo.
21Isaac pregou ó Señor pola súa muller que era estéril. O Señor escoitouno e Rebeca, súa muller, quedou embarazada. 22Pero os nenos loitaban no seu ventre e ela queixouse: —"Se é así, para que vivo?" E foi consultar ó Señor.
23A resposta foi esta:
—"Hai dúas nacións no teu ventre,
dous pobos que se dividen xa nas túas entrañas.
Un pobo poderá co outro,
o máis vello servirá ó máis novo".
24Chegada a hora do parto, viuse que tiña dous xemelgos no seu ventre. 25Saíu primeiro un, todo louro, peludo coma unha pelica. Puxéronlle por nome Esaú. 26Despois, agarrado do calcañar de Esaú, saíu seu irmán. E chamáronlle Xacob. Isaac tiña sesenta anos, cando lle naceron os dous fillos.
27Os nenos fixéronse grandes. Esaú era bo cazador e home do campo. Xacob, en troques, era amigo de quedar na tenda. 28Isaac amaba a Esaú, porque gustaba da súa caza. Pero Rebeca prefería a Xacob.
Venda da primoxenitura
29Nunha ocasión tiña Xacob disposto un guiso e nisto chegou Esaú canso do monte. 30Esaú pediulle a Xacob: —"Dáme a comer esa cousa vermella, pois estou esgotado". (Por iso lle puxeron o nome de Edom).
31Respondeulle Xacob: —"Coa condición de que me vendas agora mesmo os dereitos de primoxénito".
32Esaú pensou: —"Estou que morro. De que me serve a primoxenitura?"
33Xacob dixo: —"Xúramo agora mesmo". El xuroullo, e vendeulle a Xacob a súa primoxenitura. 34Entón Xacob deulle a Esaú un anaco de pan e mais o guiso de lentellas. El comeu e bebeu, e despois foise. En tan pouco tiña Esaú os dereitos da primoxenitura.

Currently Selected:

Xénese 25: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in