Xénese 4
4
Caín e Abel
1O home achegouse a Eva, súa muller, e esta quedou embarazada. Deu a luz a Caín, e exclamou: —"Pola graza do Señor adquirín un home". 2Logo deulle un irmán a Caín, parindo a Abel. Abel era pastor e Caín labrador.
3O tempo pasaba e Caín presentáballe ó Señor ofrendas dos froitos da terra. Tamén Abel sacrificaba as primicias dos seus rabaños e ofrecía as partes mellores. 4O Señor miraba con bos ollos para Abel e para a súa ofrenda, 5pero non para Caín e para a súa. Caín anoxouse moito, e andaba coa cara carraxenta.
6O Señor díxolle a Caín: —"Por que te alporizas e andas coa testa baixa? 7Se fas o ben, poderás levala ergueita. Se non o fas, xa o pecado rolda á túa porta, estate axexando. Pero ti pódelo dominar".
8Caín falou con seu irmán. E cando saíron fóra, botouse contra el e matouno.
9O Señor preguntoulle a Caín: —"Onde está Abel, teu irmán?"
Respondeu el: —"Non o sei. Ou son eu o garda de meu irmán?"
10O Señor dixo: —"Que fixeches? O sangue de teu irmán chama por min desde a terra. 11Agora maldícete esa terra, que abriu a súa boca para recibir da túa man o sangue de teu irmán. 12Aínda que a traballes, non che volverá dar froitos con xenerosidade. Irás polo mundo errante e fuxitivo". 13Caín díxolle ó Señor: —"O castigo é grande de máis para o poder aturar. 14Agora bótasme desta terra, e quedarei fóra da túa vista. Errante e fuxitivo polo mundo, matarame o primeiro que me atope".
15Respondeulle o Señor: —"Se alguén mata a Caín, pagarao sete veces". E púxolle un sinal, para que ninguén que o atopase o matase. 16Caín saíu da presenza do Señor e estableceuse en Nod, ó oriente de Edén.
Cainitas e xetitas
17Caín achegouse á súa muller e esta quedou embarazada e deu a luz a Henoc. Caín construíu unha cidade e púxolle o nome de seu fillo. 18Henoc foi pai de Irad, este de Mehuiael, este de Metuxael e este de Lámec.
19Lámec casou con dúas mulleres, unha de nome Adah e outra Silah. 20Adah pariu a Iabal, pai dos que habitan en tendas e teñen gandos. 21Seu irmán chamábase Iubal, pai dos que tocan a cítola e a frauta. 22Silah, pola súa parte, pariu a Túbal-Caín, inventor das ferramentas de bronce e de ferro. Tiña unha irmá que respondía por Naamah.
23Lámec avisou ás súas mulleres Adah e Silah:
—"Escoitádeme, mulleres de Lámec, atendede ás miñas palabras. Por unha ferida matarei un home, por un golpe un rapaz. 24Se Caín é vingado sete veces, Lámec serao setenta e sete".
25O home Adam achegouse outra vez á súa muller, que deu a luz un fillo. Púxolle o nome de Xet, agradecendo: —"Deus concedeume un fillo no posto de Abel, a quen matara Caín".
26Tamén Xet tivo un fillo, a quen puxo o nome de Enox. Daquela empezaron os homes a invocar o nome do Señor.
දැනට තෝරාගෙන ඇත:
Xénese 4: ABGS
සළකුණු කරන්න
බෙදාගන්න
පිටපත් කරන්න
ඔබගේ සියලු උපාංග හරහා ඔබගේ සළකුණු කල පද වෙත ප්රවේශ වීමට අවශ්යද? ලියාපදිංචි වී නව ගිණුමක් සාදන්න හෝ ඔබගේ ගිණුමට ඔබගේ ගිණුමට පිවිසෙන්න
Dereitos reservados: SEPT