Zacarías 14
14
Combate escatolóxico e instauración do reinado universal do Señor
I. Combate escatolóxico contra Xerusalén
1Velaí chegará o día do Señor, e o botín que hai no medio de ti quedará repartido.
2Xuntarei a todos os pobos para a guerra contra Xerusalén,
a cidade será collida, as casas serán saqueadas e as mulleres violadas.
Media cidade sairá á deportación, pero o resto do pobo non será quitado dela;
3e sairá o Señor e pelexará contra aqueles pobos
como cando pelexaba no día do combate.
II. Iavé transforma os perigos idolátricos en refuxio do iavismo
4No día aquel os seus pés afincaranse no monte das Oliveiras,
que está cara a Xerusalén polo nacente,
e o monte das Oliveiras partirase en dúas metades.
Na dirección do nacente e na do poñente haberá un val moi grande,
pois unha metade do monte retirarase cara ó norte,
e a outra metade cara ó sur.
5Entón vós fuxiredes para o val das miñas montañas, xa que o val das montañas chega ata Asal. Si, fuxiredes como fuxistes ante o tremor de terra do tempo de Ozías, rei de Xudá.
Si, ven, Señor, meu Deus, e todos os consagrados contigo!
6Sucederá no día aquel que non haberá Sol e
as cousas tentadoras perderán o seu encanto.
7Será un día único, querido polo Señor, sen día e sen noite, e na tardiña haberá luz.
III. Transformación de Xerusalén co reinado do Señor
8Sucederá no día aquel que sairán de Xerusalén augas vivas,
a metade delas para o mar Morto,
e a outra metade para o Mediterráneo.
Isto sucederá no verán e no inverno.
9O Señor será entón Rei sobre toda a terra.
No día aquel o Señor será Único e o seu Nome será único.
10Todo o país se volverá unha chaira, desde Gueba ata Rimón, ó sur de Xerusalén, que estará no alto, e toda ela habitada: desde a porta de Benxamín ata o sitio da antiga porta dos Ángulos; e desde a torre de Hananel ata as prensas do rei 11habitarase nela. Non volverá haber destrución sagrada: Xerusalén será habitada con seguridade.
IV. Castigo das nacións
12Este será o castigo con que o Señor castigará a todas as nacións que combateron contra Xerusalén: facerlles podrecer a carne, que teñan que aguantar sobre os seus pés, que os ollos lles podrezan nas covas, que a súa lingua lles podreza na boca.
13Sucederá no día aquel que o pánico que o Señor provoque entre eles será grande: cada un collerá as mans do seu próximo e levantará contra el a súa man. 14E tamén Xudá pelexará en Xerusalén, e amorearanse as riquezas de todos os pobos do arredor: ouro, prata, e vestidos en grande cantidade.
15E coma este andazo, así será a peste dos cabalos, das mulas, dos camelos e dos burros, e de todos os animais dos seus campos.
V. Transformación cúltica universal
16Sucederá que todo aquel que quede de cada un dos pobos que viñeron contra Xerusalén, subirá de ano en ano a prostrarse ante o Rei, o Señor dos Exércitos, e a celebrar a festa das Tendas.
17E resultará que as familias da terra que non suban a Xerusalén para prostrarse ante o Rei, o Señor dos exércitos, non terán chuvia.
18E se algunha familia de Exipto non sobe ou non vén, virá tamén contra ela a peste coa que o Señor fere os pobos que non soben a celebrar a festa das Tendas. 19Este será o castigo polo pecado de Exipto e polo pecado dos pobos que non soben a celebrar a festa das Tendas.
20No día ese, nos chocallos dos cabalos estará esta inscrición: "Consagrado ó Señor" e os potes do templo do Señor estarán como a copa da aspersión, diante do altar. 21E todos os potes que haxa en Xerusalén e en Xudá, serán sacrificados ó Señor dos Exércitos; todos os que queiran ofrecer un sacrificio, virán e colleranos para cocer neles. Xa non volverá haber traficantes no templo do Señor no día aquel.
Currently Selected:
Zacarías 14: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT