Xénese 29
29
Xacob na casa de Labán
1Xacob púxose en camiño cara á terra dos orientais. 2Nun campío viu un pozo e tres fatos de ovellas, deitadas ó pé del, pois no pozo abeberaban os rabaños. O pozo estaba cuberto por unha grande pedra. 3Cando se xuntaban alí todos os rabaños, corrían a pedra que tapaba o pozo, abeberaban os rabaños e logo volvían a pedra ó sitio.
4Xacob preguntoulles ós pastores:
—"Irmáns, de onde sodes?"
Respondéronlle eles: —"Somos de Harán".
5E el seguiu: —"Coñecedes quizais a Labán, o fillo de Nahor?"
Eles dixeron: —"Coñecemos".
6El preguntoulles: —"Está ben de saúde?"
Eles dixeron: —"Está ben. Alí chega a súa filla Raquel co seu rabaño".
7Xacob dixo: —"Queda moito día por diante, e non son horas de recoller o gando aínda. Abeberádeo e levádeo a pacer".
8Respondéronlle eles: —"Non podemos, ata que non se xunten todos os rabaños. Entón corremos a pedra que tapa a boca do pozo e tirámoslles a auga ás ovellas".
9Estaba Xacob falando con eles, cando chegou Raquel coas ovellas de seu pai. Ela era a pastora. 10En vendo Xacob a Raquel, filla de Labán seu parente, coas ovellas deste, botou a man á pedra que tapaba a boca do pozo e correuna 11e abeberou as ovellas de Labán. Despois deulle un bico a Raquel e rompeu a chorar.
12Xacob díxolle a Raquel que el era parente de seu pai e fillo de Rebeca. E ela foi correndo dicirllo a seu pai. 13Cando Labán oíu as novas de Xacob, fillo de súa irmá, correu ó seu encontro, abrazouno, bicouno e levouno á casa. Xacob contoulle a Labán todo o que lle acontecera. 14E Labán díxolle: —"Somos da mesma carne e do mesmo sangue". Xacob quedou con el por un mes.
Casamento de Xacob
15Labán faloulle a Xacob: —"Vasme servir de balde, por seres meu parente? Dime cal é o teu xornal". 16Labán tiña dúas fillas, a máis vella chamábase Lea e a máis nova Raquel. 17Lea era de ollos apagados, pero Raquel era fermosa e aposta.
18Xacob quería a Raquel, e díxolle a Labán: —"Servireite sete anos por Raquel, a túa filla máis nova".
19Respondeulle Labán: —"Mellor darcha a ti que non a un calquera. Fica, pois, comigo".
20Xacob serviu sete anos por Raquel, e parecéronlle uns poucos días, de tanto que a quería. 21O cabo deles díxolle a Labán: —"Dáme a miña muller, pois xa se cumpriu o tempo, e quero xuntarme con ela".
22Labán reuniu os homes do lugar e ofreceu un xantar. 23Chegada a noite, colleu a súa filla Lea, meteuna na tenda de Xacob, e este durmiu con ela. 24Labán deulle a serva Zilpah á súa filla Lea.
25Pola mañá decatouse Xacob de que era Lea, e díxolle a Labán: —"Que é isto que me fixeches? Non te servira por Raquel? Por que me enganaches?"
26Respondeulle Labán: —"Onda nós non hai costume de dar a filla máis nova antes cá máis vella. 27Deixa pasar outra semana e darémosche tamén a outra rapaza, polo servizo de sete anos máis". 28Xacob deuno por bo e, ó cabo dunha semana, Labán entregoulle por muller a súa filla Raquel. 29A Raquel deulle por criada a súa serva Bilhah. 30Xacob levou tamén consigo a Raquel, e queríaa máis ca a Lea. E serviu a Labán por outros sete anos.
Os fillos de Xacob
31Visto que Lea era aborrecida, o Señor fixo fecundo o seu ventre, mentres Raquel era estéril. 32Lea quedou embarazada e deu a luz un fillo, ó que puxo por nome Rubén, porque dicía: —"O Señor ollou para a miña aflición, e agora quererame o meu home". 33Quedou de novo embarazada, deu a luz outro fillo e exclamou: —"O Señor oíu que era aborrecida e deume estoutro". E púxolle de nome Simeón. 34Quedou aínda embarazada, pariu outro fillo e dixo: —"Agora o meu home apegarase a min, pois xa lle dei tres fillos". Por iso lle puxo o nome de Leví. 35Quedou outra vez embarazada e deu a luz un cuarto fillo, e dixo: —"Arestora doulle as grazas ó Señor". Por iso lle puxo o nome de Xudá. E deixou de ter fillos.
Currently Selected:
Xénese 29: ABGS
Highlight
Share
Copy

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT