YouVersioni logo
Search Icon

Lucas 19

19
Zaqueo
1Chegou Xesús a Xericó e pasaba atravesando a cidade. 2Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. 4Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. 5O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
6El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
8Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:
Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
9Entón Xesús dixo:
Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.
Parábola das onzas (Mt 25, 14-30)
11Estando a xente escoitando estas cousas, engadiu unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensar a xente que o Reino de Deus ía aparecer de contado. 12Dixo:
Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois. 13Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles: "Negociade ata que volva". 14Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el unha embaixada, dicindo: "Non queremos que este sexa o noso rei".
15Cando volveu, xa coroado coma rei, mandou chamar polos criados aqueles, ós que lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un.
16Presentouse o primeiro, dicindo: "Señor, a túa onza produciu outras dez". 17El contestoulle: "Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor de dez cidades".
18Chegou o segundo dicindo: "A túa onza, Señor, produciu outras cinco", 19Contestoulle tamén a este: "Ti tamén serás rexedor de cinco cidades".
20E chegou outro, dicindo: "Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, 21pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e segas o que non sementas". 22El contestoulle: "As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e sego o que non semento. 23Pois logo por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ó chegar, eu podía recoller os intereses".
24E díxolles ós presentes: "Quitádelle a onza e dádella ó que ten dez!". 25Eles replicaron: "Señor, se ese xa ten dez onzas!"
El seguiu: 26"Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. 27E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei, traédeos aquí, e degoládeos na miña presenza".
28E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.
XESÚS EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Mc 11, 1-11; Xn 12, 12-19)
29E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, 30dicíndolles:
Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. 31E se alguén vos pregunta: "Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor".
32Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
Por que soltades o burriño?
34Eles contestaron:
Precísao o Señor.
35Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. 37Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. 38Dicían:
Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
39Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
Mestre, reprende a eses teus discípulos.
40Pero el respondeulles:
Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.
Laio sobre Xerusalén (21, 6; Mt 24, 2; Mc 13, 2)
41E ó enxergaren a cidade, chorou sobre ela 42dicindo:
Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. 43E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apertarante por todas partes. 44Esnaquizarante contra o chan a ti e mais os teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecer a oportunidade de cando te visitaron.
Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Xn 2, 13-22)
45Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, 46dicíndolles:
Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos.
47Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mais os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. 48Pero non o atopaban, porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía.

Currently Selected:

Lucas 19: ABGS

Tõsta esile

Share

Kopeeri

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Free Reading Plans and Devotionals related to Lucas 19

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy