Malaquías 2
2
1Agora esta orde vai para vós, sacerdotes:
2Se non facedes caso e se non colledes a peito darlle gloria
ó meu Nome —fala o Señor dos Exércitos—, botarei contra vós a maldición
e maldicirei a vosa bendición. Si, xa a maldicín porque non houbo entre vós quen o collese a peito.
3Vede: eu rompereivos o brazo e tirarei bosta contra as vosas caras,
a bosta das vosas festas. Seredes tirados na bosta.
4Entón recoñeceredes que eu vos tiña enviado esta orde
para que fose realidade a miña alianza con Leví
—fala o Señor dos Exércitos—.
5A miña alianza con el fora vida e fartura
e tamén lle tiña concedido o temor,
para que me respecte
e fose humilde ante a presenza do meu Nome.
6Na súa boca houbo sentencia verdadeira
e falsidade non se atopou nos seus labios.
Con paz e con rectitude camiñou comigo,
e a moitos fíxoos apartar da iniquidade.
7Si, os labios do sacerdote son fieis á ensinanza
e búscase a lei na súa boca:
é o mensaxeiro do Señor dos Exércitos.
8Pero vós apartastes a moitos do vieiro,
desviástelos do cumprimento da lei,
violastes a alianza con Leví —fala o Señor dos Exércitos—.
9Tamén eu vos volverei desprezables e viles para todos os pobos, na medida en que vós non gardastes os meus vieiros,
e na medida en que non considerastes estimable a lei.
Contra os matrimonios mixtos e o divorcio
10Non temos todos nós un único Rei?
Non vos criou a todos o único Deus?
Por que traizoamos cada un ó seu irmán,
violando a alianza de nosos pais?
11Xudá obra a traizón; cométese en Israel e en Xerusalén unha abominación.
Certo, Xudá profana o santuario do Señor,
ama e casa coa filla dun deus estranxeiro.
12O Señor fará desaparecer o home que tal cousa fixo,
ó promotor e á testemuña:
faraos desaparecer das tendas de Xacob
e do grupo que presenta a ofrenda ó Señor dos Exércitos.
13Velaí, esta segunda cousa fixestes:
cubrir de bágoas o altar do Señor,
de choros e de pranto,
porque xa non fai caso da vosa ofrenda,
nin recibe con gusto o que sae das vosas mans.
14Vós dicides: "Por que?"
Polo feito de que o Señor fixo de testemuña entre ti
e a muller da túa mocidade, porque ti a traizoaches,
aínda que ela foi a túa compañeira e a muller da túa alianza.
15Certo, o Señor fixo unha unidade,
e a unidade ten carne e espírito.
E que busca a unidade? Unha descendencia santa.
Tende, pois, coidado do voso espírito,
e non lle fagas traizón á esposa da túa mocidade.
16Se alguén repudia con odio —fala o Señor, Deus de Israel—,
cobre de violencia o seu manto —fala o Señor dos Exércitos—.
Tende, pois, coidado do voso espírito e non fagades traizón.
O día da vinda do Señor
17Vós cansades o Señor coas vosas palabras,
e dicides: "En que o cansamos?"
Cando dicides: "Todos os que obran mal
son bos ós ollos do Señor:
El sente amor por eses";
ou: "Onde está o Deus dos xustos xuízos?"
Currently Selected:
Malaquías 2: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT